CULTURA 100% GALEGA

4 06 2007

Hoxe fumos dar un paseo por Coiro, parroquia canguesa famosa polas meigas e meigallos que habitaron nela. Dar unha volta por certas zonas desta parroquia, é como voltar cen anos atrás (ou incluso máis, meu pai sempre dí que saimos da Idade Media para meternos en internet, e non creo que ande moi equivocado). Camiñamos a carón do rio, que entre salgueiros, castiñeiros abidueiros e algún carballo, retoman vida as sombras e regatos que se misturan, dando lugar a ducias de canles de auga para o regadio das leiras próximas. O son da auga acompáñate na andaina todo o camiño. A medida que subes pola zona do Xistro, deixando o Pazo a man dereita, está a ruta dos muiños, que dunha maneira moi peculiar salpican a zona dunha arquitectura popular respetuosa co medio, intentando aprobeitar a xeografía do terreo para erguer a construcción.

imagen023.jpg

 Os muíños, agora prácticamente todos en estado de semi-abandono, foron un eixo vertebrador da sociedade, xa que por un lado eran centros de reunión, e por outro a simboloxía dunha terra que parece ir perdendo a súa identidade o mesmo tempo que os muíños van caendo. Como se dun paralelismo se tratase, cada vez que unha pedra cae, algo da nosa cultura morre agochada na Terra.

De tódolos xeitos, camiñar por calquera corredoira do país, é voltar, en certa medida a idade media. E digo en certa medida, por que de vez en cado atópaste restos da “civilización”, un home sachando a leira, pero cos cascos postos escoitando música, ou unha señora que ven de coller auga da fonte nunha botella de Coka-Cola. Tampouco podemos esquencernos dalgunhas “restauracións” (por chamarlle de algunha maneira) que mostran todo o apoxeo da “uralita”. De todas formas non é un xuizo obxetivo decir que as restauracións se fixeron a galega, xa que moitos, por non decir todos menos un muíño, están restaurados conservando a arquitectura popular.